As rúas baleiras tinguidas de incerteza e as persianas baixadas con carteis que versan sobre a promesa dun próximo retorno. É unha estampa que ninguén desexa pero que nos resulta máis familiar do que nos gustaría. As consecuencias da crise sanitaria que estamos atravesando estanse deixando notar, diso non hai dúbida, e quizais o comercio local sexa un dos ámbitos máis afectados. Tras estas semanas de restricións e peche da hostalaría que non deixan de ter certa reminiscencia á pasada primavera que vimos florecer dende as nosas xanelas, volvemos a poñer a ollada no comercio local. Por iso, co proxecto #EntreNós búscase incentivar as compras e consumicións en establecementos da Estrada.

Non se pode negar que as plataformas dixitais son o caldo de cultivo de moitas iniciativas sociais ou, cando menos, son un factor clave para a súa viralización e difusión. Dende o #BlackLivesMatter, movemento internacional orixinado na América do Norte silenciada e oprimida, ou mesmo #EsteVirusLoParamosUnidos, campaña de concienciación sobre o avance da COVID-19 lanzado dende o Ministerio de Sanidade, non se deixa de demostrar que as redes son para a divulgación de causas sociais o que un misto acendido para un bidón de gasolina. Por iso, #EntreNós busca difundir o comercio local a través de calquera plataforma social.

Todo o que necesitamos está na vila e non precisamos de ir a ningunha grande superficie nin a outra cidade para mercalo. Así mesmo, A Estrada tamén é unha realidade na rede, todos estamos conectados. Por iso, non hai mellor maneira de demostrar esta premisa sobre a que xira o proxecto que a través da potente arma de divulgación que son as redes sociais e as súas distintas ferramentas. Para participar nesta iniciativa non hai grandes requisitos que debas cumprir. Tan só tes que ter un dispositivo con acceso a internet e conta en algunha rede social para subir unha imaxe coa túa compra nun comercio ou consumición na hostalaría empregando os hashtags #EntreNós, #CompraLocal e #AEstrada. A fin de contas, é sabido que os refráns non menten: unha imaxe vale máis que mil palabras. Sexas veciño ou comerciante, esta iniciativa e para e por todos.

Un corpo non funciona sen uns pulmóns aos que chegue aire e o comercio non funciona sen consumidores. Esperamos que #EntreNós, hoxe e sempre, con ou sen pandemia, chegue a ser unha brisa de aire fresco para o comercio local. Desexamos que a #CompraLocal en #AEstrada sexa a primeira opción para todos nós.